top of page

Discografía

Quitar o aire  (2023)

PORTADA QUITAR O AIRE.jpg

Quitar o aire (Raso Estudio, 2023) está inspirado na ritoloxía popular galega. Un universo fascinante onde realidade, maxia e relixión conflúen para procurar respostas, para sandar e para celebrar a vida. Un mundo que sitúa no centro á tribo, á comunidade, entendida como unha rede de axuda para salvarse as unhas ás outras.

Neste disco, o dúo íspese emocional e musicalmente para conectarse coas súas raíces e mergúllase neste imaxinario, que tamén é o seu, para visitar e recrear algúns dos seus lugares máis fermosos e suxerentes. Dende a intimidade e a tristeza do loito á exaltación e celebración pola cura da enfermidade. Dende a ilusión excitada dos filtros de amor ata a escuridade poderosa dos exorcismos.

 

Despois do seu primeiro álbum, Aire! (2021), Caamaño&Ameixeiras apelan agora ao rito purificador, á palabra precisa, á sabiduría ancestral. Ao caos e á renovación.


Quitar o aire.

Aire!  (2021)

Aire! (Segell Microscopi, 2021) é o primeiro traballo discográfico de Caamaño&Ameixeiras, producido polo recoñecido músico burgalés Diego Galaz, onde contan con colaboracións tan destacadas como Sílvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín, Apel·les Carod ou El Pana.

Foi gravado por Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios, agás Sílvia Pérez Cruz (Turistas Sonoros) e Carola Ortiz (por Mario G. Cortizo). Deseño de collages de Nébeda Piñeiro. Editado por Segell Microscopi

Este traballo foi recoñecido co Premio Martín Códax da Música 2021 na categoría de Folk, co 1º Premio no Folkez Blai 2021 (Ermua, País Vasco) e co Premio Opinión da Música de Raíz ao disco do ano 2021. 

Aire! representa un berro exaltado, entusiasmado, de explosión e catarse colectiva. Unha invitación a bailar e a cantar. Unha celebración do sensorial. A través dos once temas que o compoñen, amalgama de composicións propias e coidados arranxos, ofrece unha aproximación a distintas músicas e bailes populares, tendo sempre a Galicia como punto de orixe e retorno, como latexo constante, e poñendo en evidencia a irmandade entre tradicións. Así, este Aire! percorre lugares distantes xeográficamente, desde os confíns de Europa ata o outro lado do Atlántico, pero cerca en esencia. Neste primeiro traballo discográfico, Caamaño&Ameixeiras percorre tamén a xeografía das emocións, desde o máis íntimo, pequeno e delicado ata o poderoso e salvaxe, valéndose para iso de dinámicas e contrastes, e poñendo en primeiro plano a verdade do expresivo e do sensible.

bottom of page