top of page

Bio

Polaroid10.jpg

"Creadoras cun gran imaxinario popular e cunha destreza instrumental e dominio da melodía indudables." 

Maria Ivanova - Sonograma Magazine

​​

"Elas son un sopro de aire fresco dentro do panorama musical de Galicia"

Festiletras

"Un álbum fundamental para entender o novo folclore ibérico no que, armadas únicamente de violín, acordeón e voz, se convirten nunha das claves fundamentais do renacer do folclore galego, celta e ibérico."

Alan Queipo - Raso Estudio

Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) forman Caamaño&Ameixeiras, un dúo galego vinculado á música e ao baile de raíz. Dende o seu nacemento en 2018, o dúo desenvolveu unha intensa traxectoria nacional e internacional. Tomando como punto de partida a tradición, constrúen un idioma propio e singular a través de composicións e arranxos persoais e vivos que dialogan de forma orgánica con ela, preservando a esencia do popular e incorporando recursos contemporáneos. Destaca tamén a solidez e o coidado interpretativo do dúo, froito dunha profunda e ampla formación musical e instrumental, situando a emoción e a expresión no centro e reivindicando a música de raíz como un espazo de creación, risco e liberdade.

 

Tras o éxito do seu primeiro disco, Aire! (Segell Microscopi, 2021), producido por Diego Galaz, o dúo consolidouse como unha das propostas máis singulares do panorama actual. O álbum foi distinguido co Premio Martín Códax da Música 2021 (Folk), o 1º Premio Folkez Blai 2021 (Ermua, País Vasco) e o Premio Opinión da Música de Raíz ao Disco do Ano 2021, e contou con colaboracións con artistas como Sílvia Pérez Cruz e Fetén Fetén.

 

En outubro de 2023 publican o seu segundo álbum, Quitar o aire (Raso Estudio, 2023), con Hevi (Malandrómeda) á fronte da produción. Neste traballo, Caamaño&Ameixeiras resignifican e actualizan os códigos da música de raíz, elevando a mística e a profundidade e levando a sonoridade da tradición galega e ibérica a planos máis arriscados e experimentais, explorando novas texturas sonoras e tensionando os límites do xénero. Inspirado na ritoloxía popular galega e profundamente documentado antropoloxicamente, este traballo volveu recibir o Premio Martín Códax da Música 2024 (Folk).

 

Nos últimos anos, o dúo seguiu ampliando o seu universo creativo mediante novos lanzamentos e colaboracións con artistas destacadas do panorama galego e estatal, como Catro cousas con Rodrigo Cuevas (2024), Arderse con Fillas de Cassandra (2025) e Ghatiña mansa con Tanxugueiras (2025). En xuño de 2025 reciben o Premio á Mellor Canción en Galego na II Edición dos Premios da Academia da Música de España, consolidando ademais a súa proxección internacional. Actualmente traballan no seu próximo disco, previsto para principios de 2027, e no desenvolvemento do seu proxecto artístico en Estados Unidos e Canadá.

Sabela Caamaño

Antía Ameixeiras

Sabela Caamaño (Oza dos Ríos, 1990) inicia os seus estudos de acordeón aos sete anos. Desde os primeiros pasos, a súa carreira musical está profundamente ligada á música tradicional e popular galega, un territorio creativo que complementa cunha sólida formación académica. É titulada superior en Acordeón, Pedagoxía da Linguaxe Musical e Piano. Tras compaxinar durante anos a actividade artística coa docencia no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, na actualidade dedícase plenamente á creación e á interpretación musical.

 

Como pianista, destaca a súa participación na gravación da banda sonora do filme Elisa e Marcela (2018), dirixido por Isabel Coixet. Como acordeonista, foi premiada en diversos concursos de ámbito nacional e internacional, entre eles o 2º premio no IV International Folk Instrument Festival Competition (San Petersburgo, Rusia), o 1º premio na categoría Junior Varieté do 50 Certamen Nacional de Acordeón e o 1º premio na categoría Junior Varieté do IV Trofeo Ibérico de Acordeón. Ao longo da súa formación asistiu tamén a cursos e clases maxistrais con intérpretes de referencia como Oleg Sharov, Anne Landa, Ángel Huidobro, Iñaki Alberdi, Aníbal Freire, Ángel Luis Castaño, Esteban Algora, Volodymyr Runchak ou Mika Väyrynen.

 

Caamaño&Ameixeiras constitúe o seu proxecto artístico principal e máis persoal, e paralelamente desenvolve unha intensa actividade colaborando con diversos proxectos musicais, como o do multiinstrumentista Abraham Cupeiro, a banda Ingrávida, liderada por Mercedes Peón, ou o grupo de rap compostelán Malandrómeda.

Aos 5 anos, Antía Ameixeiras entra en contacto coa música de raíz en Baio (Costa da Morte), a súa vila natal, onde comeza a formarse en baile e pandeireta. Paralelamente, inicia os seus estudos de violín no Conservatorio de Carballo e, tras graduarse, xa en Santiago de Compostela —onde estuda Comunicación Audiovisual—, cambia o violín clásico polo tradicional ao seu paso por aCentral Folque.

 

Ao longo da súa traxectoria fórmase con referentes como Gutier Álvarez, Quim Farinha, Sofia Hogstadious, Michalis Kouloumis ou Kate Young, a quen coñece durante a súa estancia en Praga, cidade na que entra en contacto con diversas músicas europeas. Completa a súa formación con diversas estadías musicais en Bulgaria, afondando no estudo da música popular balcánica, e amplía a súa linguaxe a través do estudo da música moderna e da improvisación en centros como a Escuela Estudio (Santiago), o Stage d’impro de Mydriase (Francia), o Taller de Músics (Barcelona) ou o Conservatorio Superior de Galicia.

 

En 2015 recibe a Beca de Excelencia Artística Galega de Afundación, que a leva de xira polos Estados Unidos xunto a Carlos Núñez, marcando un punto de inflexión na súa traxectoria profesional. Un ano despois incorpórase como violinista á histórica formación Luar na Lubre, coa que grava os discos XXX Aniversario de Luar na Lubre e Ribeira Sacra e desenvolve unha intensa actividade de concertos a nivel estatal e internacional. Paralelamente, forma parte de proxectos como Samarúas, Maricarme ou Oîma (Ala!, 2019).

 

Na actualidade desenvolve o seu traballo artístico principalmente en Caamaño&Ameixeiras, ao tempo que colabora en numerosos proxectos como violinista e cantante, como Barullo, de Baiuca, De Ronda, de Mondra ou a banda Ingrávida, con Mercedes Peón.

bottom of page